12 feb 2011

Concursando

Quero presentarvos os concursos nos que participou ou está participando o alumnado do noso centro. Antes de nada, aproveito a ocasión para animar a todos os nenos e nenas a participar para mostrar a súa creatividade na realización de debuxos, relatos...., aínda que non sempre se gañe.

PINTURA RURAL INFANTIL- O obxectivo deste concurso, promovido por Fertiberia, era desenvolver no alumnado inquietudes artísticas relacionadas co mundo rural e agrícola. Polo que os nenos e nenas presentaron os seus debuxos relacionados con dito tema.
Algúns dos debuxos presentados ó concurso de Fertiberia.

* XI EDICIÓN DOS PREMIOS MURALLA DE LUGO DE DEBUXO E REDACCIÓN INFANTÍS - O obxectivo deste concurso é conmemorar o 10º aniversario da concesión do título de Patrimonio da Humanidade á muralla de Lugo. Para tal conmemoración os participantes deberán facer un debuxo ou relato relacionado con dito monumento. 


* IMAXINA QUE ES UNHA ÁRBORE NUN BOSQUE- Neste concurso, promovido por Correos, os participantes deben presentar unha carta a alguén para explicarlle o importante que é coidar os bosques. 
A continuación preséntovos un anaco de carta, escrita por Lidia de 6º, dirixíndose aos leñadores:

"Podo responder a todas as preguntas que me fagades. Se me preguntades quen son, respondereivos que son unha parte dos bosques, unha parte de vós e unha parte do mundo. Se me preguntades  para que sirvo, eu respondereivos que é grazas a min que vivides. Se me preguntades como cheguei a medrar tanto, diríavos que fun unha das árbores máis afortunadas, por ter a un neno que me plantou nun pequeno bosque e me deu todo o amor que eu precisaba. Fun pequena, e agora medrei. Por min choveu, nevou e tronou; pero nunca ninguén me derribou. Din abrigo a moitos animais, e estes agradecéronmo. Co paso do tempo, fíxenme vella e cada día da miña vida preguntábame porque nos cortabades, porque nos ignorabades. Cada día que os leñadores entraban no bosque, temía que a próxima árbore que cortaran fora eu. Pero por sorte, a min protexéronme e manifestáronse por min. Desde aquel momento sentinme unha árbore moi especial, porque no momento en que se deron as mans e me rodearon para protexerme, ninguén se atreveu a contarme. Foi o día máis feliz da miña vida. Isto é algo do moito que aprendín de vós, os humanos. Vía nos vosos rostros algo que me dicía que vós non erades así, que non pensabades o que faciades. Seguro que se o pensarades mellor, no voso interior sentiriades o mesmo ca min, unha voz que vos dicía que non o debiades facer, que non nos debiades cortar."


* CONCURSO DE DESEÑO: DÍA DA NAI - Trátase de que os participantes deseñen unha xoia para regalar ás súas nais. Se o deseño saíse premiado Xoiaría Galega, promotora deste concurso, fabricaría dita xoia. 
Algúns dos deseños que serán presentados ó concurso.


* XII CONCURSO DE DEBUXO E RELATO "FILLOA 2011" - En relación á "Festa da Filloa", que se celebra cada 1 de maio en Muimenta, convócase cada ano un concurso de relatos e debuxos. Nesta ocasión, os participantes deberán relacionar o "río Miño" con este típico postre da gastronomía de Galicia.
(Aportarei máis datos acerca deste concurso despois de que os alumnos realicen as súas obras e saian os premiados)

* 27 CONCURSO ONCE: UN VIAJE PARA TOD@S - O obxectivo deste concurso é fomentar o respecto pola diversidade do ser humano e a non discriminación das persoas con discapacidade. Os participantes, individualmente ou en grupo, deberán realizar un cartel imaxinando un lugar de destino do que calquera persoa poida gozar en igualdade de condicións. Antes da realización de dito cartel, os alumnos acudiron á aula de informática para ver un vídeo. En dito vídeo unha mestra propoñía ós seus alumnos diferentes problemas cos que se atopaban persoas con deficiencia visual, auditiva...á hora de viaxar. Ditos alumnos trataban de buscar solucións, que tamén se debateron en clase. Todos apuntaron diferentes ideas para os seus carteis pero deberedes esperar para ver os resultados, que vos presentarei no blog.

Podedes pulsar sobre o título para obter máis información acerca de cada concurso. 
¿Que vos parecen os concursos levados a cabo no noso centro? ¿Cal vos parece máis interesante? ¿Que opinión tedes sobre este tipo de concursos?

5 comentarios:

  1. En xeral todo este tipo de concursos parécenme unha boa ocasión para romper coa monotonía do dia a día, especialmente gústanme o da festa da filloa que integra o entorno dunha maneira sinxela e o concurso da once por tratar un tema no que os nenos seguramente van amosar toda a sensibilidade que son capaces de transmitir e que os caracteriza. Espero que saian resultados sorprendentes para que todos poidamos aprender do mundo dos nenos e nenas.

    ResponderEliminar
  2. (Irene) Ola Belén, moitas graciñas por facerte seguidora e por comentar...pois si, é certo que estes concursos rompen ca monotonía do día a día, ademais teño que dicir que as familias se mostran sempre colaboradoras, o cal é bo por suposto. Grazas por darnos a túa opinión sobre os que máis che gustan e espero igual ca ti que os resultados sexan sorprendentes ;)

    ResponderEliminar
  3. Eu tamén creo que pode ter moito de positiva a participación nos concursos, sobre todo coa idea que transmites de darlle un enfoque no que se prime a participación e aprendizaxe fronte á competitividade.

    Como a Belén, paréceme interesantísimo o da Once porque creo que nin os nenos, nin tan sequera nós como adultos, somos conscientes das barreiras con que se atopan as persoas con discapacidades. Non debemos esquecer que a infancia de hoxe serán mañá os adultos encargados e encargadas de deseñar edificios, rúas, viaxes... seguro que sementes coma esta xerminan neles e contribúen a mellorar o futuro ;)
    Tamén me parece estupendo fomentar a súa creatividade con certames como o de Fertiberia ou a Filloa que ademais poden axudar a que se sintan orgullosos do lugar no que viven. Encántame a sensibilidade de Lidia, por exemplo, na súa carta ós leñadores e os valores que transmite. O que me parece algo máis delicado é o das xoias; neste momento, e polo que eu coñezo, non é o caso do colexio de Muimenta pero sempre sinto algo de reparo cando se trata do tema "nais" ou "pais" pensando naquelas nenas e nenos que, por distintas circunstancias, poden sufrir ó ter unha familia diferente da que a sociedade nos "vende" a miúdo...

    O dito, moito ánimo coa participación nos concursos, moita sorte aínda que gañar non sexa prioritario e noraboa xa de antemán a eses e esas grandes artistas! Grazas Irene.

    ResponderEliminar
  4. Hola ,creo que un dos que mais atraen eh o da filloa xa que levan moitos anos faendo os debuxos,e os nenos gustalles e mais tratandose dunha festa do pobo.E o dos debuxo de pintura rural infantil pareceme que están moi ven ,así pintan como lles gustaría que fora,ou como foi.
    Creo que todos teñen algo do que poden aprender,e pintar o que eles se imaxinan, xa que teñen moita imaxinación.Bueno que todo vaia moi ben e que disfrutedes moito facendo eses debuxos

    ResponderEliminar
  5. (Irene) Antes de nada quero pedir perdón porque se me esquecera o concurso "Premios Muralla de Lugo" e acabo de engadilo agora. Tiven que cambiar tamén a "encuesta" que se atopa na marxe dereita do blog. Participade!
    Sabela, só che podo dicir que estou de acordo en todo o que comentas: na importancia de sensibilizar ós nenos e nenas no tema da diversidade, os valores que mostra Lidia na súa carta (a cal non vos mostrei completa por non ocupar tanto espazo), o feito de participar nestes concursos sen a prioridade de gañar...E respecto ó concurso das xoias, como ben dis, no noso centro ningún alumno/a carece de figura materna; pero de ser o caso creo que debemos loitar contra eses "mitos" e transmitir que todos temos unha familia ben sexa formada pola figura paterna, materna, ambas, irmáns, avós, tíos...Grazas a ti por comentar unha vez máis ;)
    Zarimimo, teño que dicir, en relación ó que comentas que o concurso da filloa é un dos que máis lles gusta tamén ós nenos e nenas, ó mellor porque se trata dunha festa do pobo á que a maioría asisten. Eu tamén estou segura de que aprenderán algo con cada un dos concursos. Graciñas por comentar, un saúdo!

    ResponderEliminar