17 mar 2011

Unha alfombrilla para o rato do ordenador

¿Lembrades o disfraz que levaban os nenos e nenas de 1º, 2º e 3º, na pasada festa do entroido? (Só tedes que botar unha ollada máis abaixo). Pois ben, para aproveitar o material que nos sobrou, unhas láminas de goma eva cor verde, ditos alumnos e alumnas fixeron unha alfombrilla para o rato do ordenador. Como se levarán o rato e a ra? Que vos parece está rápida e sinxela manualidade?


14 mar 2011

Festa do Entroido (04/03/11)

Non pensedes que me esquecín de mostrarvos a festa do Entroido, que celebramos no centro o venres 4 de marzo, vestidos de animais. No seguinte vídeo poderedes ver como os nenos e nenas preparan os seus disfraces, ensaian as actuacións e se visten momentos antes da festa. Unha vez disfrazados de xoaniñas, ras e pingüíns os alumnos e alumnas fannos gozar cas súas actuacións e xa por último, unha alumna de 6º lenos o testamento do meco antes de que este fose devorado polas chamas.

TESTAMENTO DO MECO:
Este ano coma todos
o meco imos queimar
pero antes de facelo
unhas verbas os vou dar.

O feito que aquí nos trae
é unha nobre tradición,
pero non vos poñades tristes
nin perdades a razón.

Desexo que destas chamas
xurda un bo sentimento,
e así vos poida ler
seu sincero testamento.

Estade todos calados,
estade todos atentos,
que con estas estrofiñas
quero deixarvos contentos.

Prega por noso Jacobo,
que nos fai correr a raudais,
que fixo que o ano pasado
España gañara os Mundiais.

En fútbol e baloncesto,
en jockey e balonmán,
o noso profe Jacobo
a todos fixo gañar.

Se queredes unha profe
que amosa a súa ledicia,
entón chamamos a Ángeles
que nos dea unha caricia.

Ten que ser en lingua propia,
ten que ser no noso galego
Ángeles sempre nos fala
do noso pobo labrego.

Este boneco nos deixa
para tódolos presentes
amor, saúde e paz
para agora e para sempre.

A  nosa querida Irene
quere o meco agasallar
cun pouquiño de sosego
tras de tanto traballar.

E pide para ela e Jacobo
que o futuro lles depare
os mellores dos destinos
e que Deus sempre os ampare.

E falando de destinos
quérovos recordar
a nosa profe de idioma
que no noso cole foi parar.

Pedímosche profe Maryan
en inglés,castelán e galego
fica aquí por moitos anos,
neste cole de bos nenos.

Que aínda que ti nos digas,
moitas veces “silence please”
se quedas aquí connosco
vas ser moi feliz.
Ai boneco,bonequiño,
que nos queres ti contar
da nosa “Dire” Teresa
que o noso carón sempre está.

Déixalle a túa paciencia,
déixalle o teu valor,
para guiar con atino,
este “barco de vapor”.

O mellor do testamento
deste vello espantallo
ten que ser para os nosos nenos,
e ser o mellor agasallo.

El quere vervos felices
vos desexa un bo futuro
el sabe que non é fácil,
sabe que é un traballo duro,
pero entre todos faremos,
que o consigades, seguro.

Estas breves palabras,
que o monicreque deixou
non quero que as esquezades,
saíron do corazón.

Antes que o lume queime
a palla do bonachón
facédeme unha promesa:
QUERÉDEVOS MOGOLLÓN!

El Progreso (A Chaira) Martes, 8 de marzo, 2011

10 mar 2011

Obra de teatro "Os narigudos"

O pasado venres, 4 de marzo, mestres e alumnos gozamos dunha obra de teatro titulada "Os narigudos", no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo. Este espectáculo de títeres, levado a cabo por Taxarina Títeres e programado por Novacaixagalicia, comezou ás dez e durou aproximadamente uns cincuenta minutos.

Esta obra de monicreques de luva e variñas, salpicado de momentos de humor e cancións en directo, onde se pretende dar a coñecer a importancia da boa comunicación, do compañerismo, do amor e do respecto mutuo.

O argumento é o seguinte: "Na Illa dos Narigudos todo son problemas. Pola culpa do seu enorme nariz, bailes e namoramentos rematan sempre en amargas disputas. Bartola é escollido para ir á procura da solución á casa do Chan Tanda, o home máis sabio do mundo. Máis...ai!...a vida está chea de tentacións. E se puidese trocar o seu nariz por un máis pequeno? (...)"

9 mar 2011

Semana do Entroido

¿Queredes saber como celebramos o Entroido no C.E.I.P de Muimenta? 
Dende o luns ata o xoves, tanto mestres como alumnos/as, disfrazámonos de acordo cas seguintes frases:
LUNS: O Entroido empeza, adorna a túa cabeza.
MARTES: Con gafas e pintura mostrarás a túa cara dura.
MÉRCORES: Continuamos para adiante e traeremos o pescozo elegante.
XOVES: Para que esperte a risa prepara a chaqueta e a camisa.
Ademais ó longo da semana preparamos un mural formando un anteface xigante cuns antefaces pequenos que cada alumno ou alumna trouxo da súa casa adornado ou coloreado ca axuda da familia.
xoves, os mestres quixemos darlle unha sorpresa ós nenos e nenas, preparando para eles produtos típicos do Entroido, e aproveitando a ocasión para dar a benvida a tres novos nenos que se incorporaron recentemente ó centro.
Para rematar, tamén ensaiamos e preparamos para a festa do Entroido, tanto os disfraces como as actuacións e o meco. As imaxes desta festa, celebrada o venres 4 de marzo, poderedes velas nunha entrada posterior.


¿Que vos parece a semana do Entroido que pasamos? ¿E o que fixemos?