Despois dos comentarios que xurdiron en relación ás actividades de lecer, crin convinte adicar unha entrada á biblioteca e polo tanto á lectura, que é un pilar básico dentro do proceso de aprendizaxe do alumnado. Antes de nada preséntovos, mediante un par de imaxes, a biblioteca do noso centro, pero tamén teño que mencionar que a nivel de aula os alumnos e alumnas tamén dispoñen dunha pequena biblioteca con libros de lectura, dicionarios, etc.
Paso a explicarvos os proxectos que se están a levar a cabo en relación á biblioteca. Por un lado existe un servizo de préstamo no que participa todo o alumnado, por iniciativa de Tere, a directora do centro e mestra de educación infantil.
* Por un lado, os alumnos de primaria acoden todos os luns, acompañados polos titores en busca dun libro para ler no prazo dunha semana. Deste xeito o alumnado non só mellora a súa competencia lectora, senón que ademais familiarízase co uso da biblioteca, co coidado do material, etc.
* Por outro lado, os alumnos de infantil tamén realizan unha visita semanal á biblioteca, iniciando deste xeito o contacto cos libros de lectura e escollendo aqueles que máis lles chaman a atención para levar ás súas casas. Ademais nalgunha ocasión estes nenos, realizan actividades teatrais, representando ós personaxes daqueles contos que máis lles gustan. ¡Menudos actores!
Outro proxecto que se levou a cabo no curso anterior, e que está a punto de levarse, é o das "mochilas viaxeiras". Trátase de que cada alumno leve nunha mochila material da biblioteca como: libros, cómics, xogos de ordenador... para gozar deles en compañía familiar e ademais cubrir unha ficha acerca de dito material. Respecto a este proxecto só me queda dicir que, neste curso, ditas mochilas están a punto de saír rumbo ás casas dos nenos e nenas, esperando que estes gocen da lectura, dos xogos educativos, etc.
Quero mencionar tamén que, grazas á solicitude de mobiliario feita por Tere no curso pasado, dispoñemos dun novo recanto na biblioteca do centro. Trátase do recanto das novidades e propostas de lectura de libros que poden resultar máis interesantes para o alumnado.
En canto ós proxectos que se están a preparar dicir que, Márian, a encargada da biblioteca e mestra de inglés, está a facer un inventario e unha clasificación dos libros de lectura (por ciclos) e do resto de material (revistas, enciclopedias...). O obxectivo final deste proxecto é informatizar a biblioteca, é dicir, facer un manexo da mesma a través do ordenador: consulta de catálogos, incorporación de rexistros, préstamos, etc.
Nada máis, este é en xeral o funcionamento da nosa biblioteca. ¿Que vos parecen os nosos proxectos? ¿Considerades que é suficiente a importancia que se lle da á lectura dende o noso centro? En relación ás "mochilas viaxeiras", ¿que credes que deberiamos incorporar dentro das mesmas? Grazas, por adiantado, polos vosos comentarios.
Pois xa que preguntas… ;)
ResponderEliminarParéceme estupendo e tremendamente necesario o labor de animación á lectura e ideal ese costume de visitar semanalmente a biblioteca aínda que non tódalas semanas o aproveiten da mesma maneira nin lean con igual entusiasmo. Ás veces dá a sensación de que revolven ata atopar o libro que menos letras ten e outras conseguen “enganchar” coa lectura e len en calquera momento e lugar durante a semana… De todos modos, non cabe dúbida de que se trata dun bo hábito e tódolos proxectos que estades a crear con este fin considero que son interesantísimos. Gustoume moito unha ocasión na que trouxeron por Nadal unha relación moi útil de “lecturas recomendadas” e os nenos tamén gardan bonitos recordos das visitas que tivestes dalgún contacontos ou mesmo a montaxe aquela de “Chocolata” na pista polideportiva, hai dous anos.
En canto ás “mochilas viaxeiras” lembro as do curso pasado que eran completísimas e con materiais a gusto de todos, a min persoalmente sobrábame a Supernanny ;) pero igual a outras persoas lles gusta lela. Non é doado, polo tanto, contestar á pregunta que fas sobre que lles engadiriamos… De ter que facelo só se me ocorrería incluír o inicio dun conto –creo que xa o comentei- para que cada nena ou neno lle dese continuidade e poder lelo conxuntamente cando a mochila volvese ó cole.
Buff, vaia rollo me saíu! Espero que non te arrepintas de ter preguntado… Graciñas!!!
(Irene) Para nada me vou arrepentir de preguntar, ó contrario, agradezo un montón os vosos comentarios, e máis aínda cando se barallan tantas ideas. Eu estou comezando a miña andaina como mestra, polo que me gusta recibir propostas, sempre co fin de mellorar e ofrecer o mellor ós meus alumnos.
ResponderEliminarPor un lado, creo que son moi interesantes as visitas ó centro que mencionas, como a do contacontos, que xa me comentaron os nenos nalgunha ocasión que lles gustara moito. Eu tiven a oportunidade de ver unha vez un debuxante de cómics, tamén nunha visita a un centro, e os nenos quedaran abraiados. Son actividades que chaman moito a súa atención, por iso sei que calquera proposta deste tipo que chegue ó centro será aceptada.
Por outro lado, a idea de crear un conto entre todos os nenos creo que estaría xenial, así que tomo nota desa proposta e todas as demais por suposto.
Espero que os demais se animen tamén a comentar todas as ideas que estamos tratando...
Grazas a ti, Sabela, un saúdo!!