Despois dos comentarios que xurdiron en relación ás actividades de lecer, crin convinte adicar unha entrada á biblioteca e polo tanto á lectura, que é un pilar básico dentro do proceso de aprendizaxe do alumnado. Antes de nada preséntovos, mediante un par de imaxes, a biblioteca do noso centro, pero tamén teño que mencionar que a nivel de aula os alumnos e alumnas tamén dispoñen dunha pequena biblioteca con libros de lectura, dicionarios, etc.
Paso a explicarvos os proxectos que se están a levar a cabo en relación á biblioteca. Por un lado existe un servizo de préstamo no que participa todo o alumnado, por iniciativa de Tere, a directora do centro e mestra de educación infantil.
* Por un lado, os alumnos de primaria acoden todos os luns, acompañados polos titores en busca dun libro para ler no prazo dunha semana. Deste xeito o alumnado non só mellora a súa competencia lectora, senón que ademais familiarízase co uso da biblioteca, co coidado do material, etc.
* Por outro lado, os alumnos de infantil tamén realizan unha visita semanal á biblioteca, iniciando deste xeito o contacto cos libros de lectura e escollendo aqueles que máis lles chaman a atención para levar ás súas casas. Ademais nalgunha ocasión estes nenos, realizan actividades teatrais, representando ós personaxes daqueles contos que máis lles gustan. ¡Menudos actores!
Outro proxecto que se levou a cabo no curso anterior, e que está a punto de levarse, é o das "mochilas viaxeiras". Trátase de que cada alumno leve nunha mochila material da biblioteca como: libros, cómics, xogos de ordenador... para gozar deles en compañía familiar e ademais cubrir unha ficha acerca de dito material. Respecto a este proxecto só me queda dicir que, neste curso, ditas mochilas están a punto de saír rumbo ás casas dos nenos e nenas, esperando que estes gocen da lectura, dos xogos educativos, etc.
Quero mencionar tamén que, grazas á solicitude de mobiliario feita por Tere no curso pasado, dispoñemos dun novo recanto na biblioteca do centro. Trátase do recanto das novidades e propostas de lectura de libros que poden resultar máis interesantes para o alumnado.
En canto ós proxectos que se están a preparar dicir que, Márian, a encargada da biblioteca e mestra de inglés, está a facer un inventario e unha clasificación dos libros de lectura (por ciclos) e do resto de material (revistas, enciclopedias...). O obxectivo final deste proxecto é informatizar a biblioteca, é dicir, facer un manexo da mesma a través do ordenador: consulta de catálogos, incorporación de rexistros, préstamos, etc.
Nada máis, este é en xeral o funcionamento da nosa biblioteca. ¿Que vos parecen os nosos proxectos? ¿Considerades que é suficiente a importancia que se lle da á lectura dende o noso centro? En relación ás "mochilas viaxeiras", ¿que credes que deberiamos incorporar dentro das mesmas? Grazas, por adiantado, polos vosos comentarios.