28 feb 2011

O reloxo das estacións do ano

Nesta ocasión quero mostrarvos "o reloxo das estacións" feito en coñecemento do medio, polos alumnos e alumnas de 1º, 2º e 3º.  Trátase dun mural dividido en catro partes: as catro estacións do ano, cun debuxo relacionado con cada unha. Ademais tamén figuran en dito mural os doce meses do ano que deberán sinalar cunha agulla que parte do centro, onde están a nube e o sol, tamén colocados de acordo co tempo que fai en cada estación. Como sempre, déixovos unhas imaxes, para que vexades mellor como é dito reloxo:
























¿Que vos parece a actividade? ¿Quedarase o reloxo sen pilas ou conseguerei que os nenos e nenas manteñen a agulla no seu lugar? 

26 feb 2011

Semana do Entroido

A próxima semana celebramos no centro o Entroido, por iso durante os cinco días da semana mestres e alumnos deberemos ir ó colexio disfrazados segundo as seguintes propostas (feitas por Tere):
LUNS: O Entroido empeza, adorna a túa cabeza.
MARTES: Con gafas e pintura mostrarás a túa cara dura.
MÉRCORES: Continuamos para adiante e traeremos o pescozo elegante.
XOVES: Para que esperte a risa prepara a chaqueta e a camisa.
VENRES: O venres coa festa rematamos e ata o vindeiro xoves nos marchamos.
Esta semana promete....estou segura de que máis de un/unha nos sorprenderá cas súas ideas, e ademais ¡iso non é todo! Non esquezades que o venres celebraremos a festa de Entroido no colexio. Eu coñezo a máis de un/unha que está desexando que chegue o día ;)

5000 visitas!

Fai catro meses, abrín este blog co apoio de todo o equipo de mestres, para compartir con vós o día a día deste centro.  Ó principio, coincidindo co inicio da miña actividade docente, recoñezo que estaba un pouco perdida e non sabía como enfocar o contido e estrutura deste blog; pero pouco a pouco esta ventaniña foise abrindo, grazas ás ideas propostas polos meus compañeiros, grazas ós nenos e nenas que saen en cada imaxe, grazas ás familias, grazas a todos os que vos pasades por aquí, grazas a todos os que comentades,...en definitiva: ¡grazas a todos vós!
Onte, 25 de febreiro, este blog alcanzou as 5000 visitas, por iso con moito cariño e ilusión quero darvos as grazas e dicirvos que seguiremos traballando para que poidades ver nesta ventaniña todo o que fan eses pequenos garandes artistas, que temos como alumnos e alumnas. E como agasallo compuxen para vós un vídeo de fotografías realizadas neste curso 2010/2011.



Nesta ocasión tócame preguntarvos cal é a vosa opinión sobre este blog. Agradeceranse non so os bos comentarios, tamén as críticas, posto que axudan a mellorar. Algunha proposta de cambio?Algo que engadir?Algo que quitar?

24 feb 2011

Chegou o entroido!

Parece que estos días chegou o bo tempo pero...¡iso non é todo! ¡Tamén chegou o entroido! 
Todos os nenos e nenas de infantil e preescolar reuníronse onte, 23 de febreiro, para facer unha festa de disfraces, onde comeron, xogaron....vestidos con traxes do máis variado e divertido. Velaquí unha imaxe dos mesmos:


Pero o espíritu de entroido tamén chegou a primaria. Os nenos e nenas de 1º, 2º e 3º confeccionaron bocas e orellas xigantes. Velaquí dúas imaxes destes seres extranos que invadiron o colexio :)


Remato esta entrada cun vídeo onde podedes ver máis imaxes da festa de disfraces, destes seres extranos que mencionei e....¡un adianto de todo o traballo que están a facer os nenos e nenas do cole preparando a festa de entroido da próxima semana! 

21 feb 2011

El Progreso (sábado, 19 de febreiro, 2011)

XORNADA CONTINUA

O vindeiro xoves día 24 de febreiro de (10:00 horas a 18:00 horas) terá lugar no centro a votación das familias para a  Xornada Continua.
CADA FAMILIA É UN VOTO :Pode votar o pai,  nai ou  titor legal. Da igual o número de fillos que se teña no centro. O voto será directo, secreto e non delegable.
DOCUMENTO IDENTIFICATIVO: O día da votación é necesario presentar o D.N.I. no momento de votar.
VOTAR É UN DEREITO QUE TEDES COMO PAIS/NAIS: Cada familia que non vote contará como un voto negativo.
Dende o centro animamos as familias a que voten, é  importante coñecer a vosa opinión.
Tere

San Valentín

O día de San Valentín pode significar na aula un momento axeitado para traballar temas transversais do currículo de forma que poidamos atender non só as capacidades cognitivas ou intelectuais senón tamén ás capacidades afectivas do noso alumnado, de relación interpersoal e de inserción e actuación social. Precisamente por iso aproveitamos esta semana para celebralo cunha actividade que a continuación vos explico:
Dende o luns ata o venres o centro contou cun "recanto de San Valentín", onde os nenos e nenas dispoñían dunha mesa con distinto material para escribir cartas ou facer debuxos aos seus compañeiros e mesmo mestres; e tamén un buzón para meter ditas cartas ou debuxos. Esta actividade proporcionounos a escusa perfecta para que os alumnos e alumnas expresaran afecto aos seus compañeiros do colexio. 
Á esquerda o "recanto de San Valentín" e á dereita algúns dos debuxos e cartas feitas polos alumnos e alumnas.
Así mesmo, tamén se fixeron outras actividades, con motivo desta conmemoración, como por exemplo: os alumnos e alumnas de infantil fixeron dentro dun corazón debuxos e escribiron mensaxes para a súa familia; ou tamén os alumnos de 1º, 2º e 3º leron un poema e fixeron unha ficha sobre a amizade. 
De seguido, e posto que unha imaxe vale máis que mil palabras, móstrovos un vídeo onde podedes ver fotografías: do recanto de San Valentín, dos nenos e nenas de 1º, 2º e 3º facendo a ficha da amizade, dos nenos e nenas de infantil cos seus debuxos para a familia, metendo as cartas para os seus compañeir@s no buzón e, por último, das nenas de 6º (carteiras da amizade) repartindo os agasallos a todos os alumnos e alumnas do centro (e tamén mestres, os cales estamos moi agrecidos polo cariño mostrado).


¿Que vos parece o enfoque que lle demos a esta conmemoración? ¿E as actividades que levamos a cabo? ¿Opinades que poden servir para mellorar a convivencia no centro?

17 feb 2011

Charla sobre incendios forestais

Hoxe, 17 de febreiro, os alumnos e alumnas do centro recibiron unha charla sobre os incendios forestais.
* Por un lado, un monitor explicou ós nenos e nenas de primaria, que son os incendios forestais, como se poden previr, como avisar en caso de encontrarnos con un, medios humanos e materiais para apagar ditos incendios, consecuencias e danos...Todo isto acompañado de fotografías, vídeos e unha canción sobre os incendios.

Alumnos/as de Primaria
* Por outro lado, outro monitor contaba ós nenos e nenas de infantil un conto titulado "Un pastor de landras" e ó mesmo tempo tamén lles facía preguntas relacionadas, como por exemplo que árbores coñecían ou que froitos se obtiñan delas. 

Alumnos/as de Infantil e un debuxo sobre o conto feito por Luana (5 anos)
¿Que vos pareceu dita charla/conto? ¿Que opinión tedes sobre este tipo de visitas do exterior?  

15 feb 2011

Que ben se portaron os reis!

Nesta ocasión escribo para contarvos de que se trata unha actividade levada a cabo cos nenos de 1º, 2º e 3º por Jacobo, mestre de educación física e titor de ditos alumnos. Dita actividade levouse a cabo durante o mes de xaneiro e parte de febreiro, durante un anaco de tempo das xornadas dos venres. Consistiu en que cada alumn@ trouxera da súa casa un xogo para compartir cos seus compañeiros. A maioría deles recibira algún xogo por reis, polo que non houbo ningún problema, ó contrario, a veces na casa non dispoñen de compañeiros de xogo (irmáns, familiares...) para gozar cos mesmos. 
O xogo é unha actividade que fai que os alumnos gocen e se divirtan ó mesmo tempo que se utiliza como ferramenta educativa. Moitos dos xogos que os alumnos e alumnas trouxeron axudan a desenvolver habilidades e destrezas intelectuais, afectivas e sociais; ó mesmo tempo que traballan en equipo e aprenden a respetar as normas do xogo, a ter metas e obxectivos.
De seguido preséntovos algunhas fotografías dos alumnos e alumnas con ditos xogos de mesa:
Trivial Pursuit
Antón Zampón
Canica ¡pum!
Gestos
¿Que vos parece esta actividade?¿Considerades importante o xogo desde o punto de vista educativo?

12 feb 2011

Concursando

Quero presentarvos os concursos nos que participou ou está participando o alumnado do noso centro. Antes de nada, aproveito a ocasión para animar a todos os nenos e nenas a participar para mostrar a súa creatividade na realización de debuxos, relatos...., aínda que non sempre se gañe.

PINTURA RURAL INFANTIL- O obxectivo deste concurso, promovido por Fertiberia, era desenvolver no alumnado inquietudes artísticas relacionadas co mundo rural e agrícola. Polo que os nenos e nenas presentaron os seus debuxos relacionados con dito tema.
Algúns dos debuxos presentados ó concurso de Fertiberia.

* XI EDICIÓN DOS PREMIOS MURALLA DE LUGO DE DEBUXO E REDACCIÓN INFANTÍS - O obxectivo deste concurso é conmemorar o 10º aniversario da concesión do título de Patrimonio da Humanidade á muralla de Lugo. Para tal conmemoración os participantes deberán facer un debuxo ou relato relacionado con dito monumento. 


* IMAXINA QUE ES UNHA ÁRBORE NUN BOSQUE- Neste concurso, promovido por Correos, os participantes deben presentar unha carta a alguén para explicarlle o importante que é coidar os bosques. 
A continuación preséntovos un anaco de carta, escrita por Lidia de 6º, dirixíndose aos leñadores:

"Podo responder a todas as preguntas que me fagades. Se me preguntades quen son, respondereivos que son unha parte dos bosques, unha parte de vós e unha parte do mundo. Se me preguntades  para que sirvo, eu respondereivos que é grazas a min que vivides. Se me preguntades como cheguei a medrar tanto, diríavos que fun unha das árbores máis afortunadas, por ter a un neno que me plantou nun pequeno bosque e me deu todo o amor que eu precisaba. Fun pequena, e agora medrei. Por min choveu, nevou e tronou; pero nunca ninguén me derribou. Din abrigo a moitos animais, e estes agradecéronmo. Co paso do tempo, fíxenme vella e cada día da miña vida preguntábame porque nos cortabades, porque nos ignorabades. Cada día que os leñadores entraban no bosque, temía que a próxima árbore que cortaran fora eu. Pero por sorte, a min protexéronme e manifestáronse por min. Desde aquel momento sentinme unha árbore moi especial, porque no momento en que se deron as mans e me rodearon para protexerme, ninguén se atreveu a contarme. Foi o día máis feliz da miña vida. Isto é algo do moito que aprendín de vós, os humanos. Vía nos vosos rostros algo que me dicía que vós non erades así, que non pensabades o que faciades. Seguro que se o pensarades mellor, no voso interior sentiriades o mesmo ca min, unha voz que vos dicía que non o debiades facer, que non nos debiades cortar."


* CONCURSO DE DESEÑO: DÍA DA NAI - Trátase de que os participantes deseñen unha xoia para regalar ás súas nais. Se o deseño saíse premiado Xoiaría Galega, promotora deste concurso, fabricaría dita xoia. 
Algúns dos deseños que serán presentados ó concurso.


* XII CONCURSO DE DEBUXO E RELATO "FILLOA 2011" - En relación á "Festa da Filloa", que se celebra cada 1 de maio en Muimenta, convócase cada ano un concurso de relatos e debuxos. Nesta ocasión, os participantes deberán relacionar o "río Miño" con este típico postre da gastronomía de Galicia.
(Aportarei máis datos acerca deste concurso despois de que os alumnos realicen as súas obras e saian os premiados)

* 27 CONCURSO ONCE: UN VIAJE PARA TOD@S - O obxectivo deste concurso é fomentar o respecto pola diversidade do ser humano e a non discriminación das persoas con discapacidade. Os participantes, individualmente ou en grupo, deberán realizar un cartel imaxinando un lugar de destino do que calquera persoa poida gozar en igualdade de condicións. Antes da realización de dito cartel, os alumnos acudiron á aula de informática para ver un vídeo. En dito vídeo unha mestra propoñía ós seus alumnos diferentes problemas cos que se atopaban persoas con deficiencia visual, auditiva...á hora de viaxar. Ditos alumnos trataban de buscar solucións, que tamén se debateron en clase. Todos apuntaron diferentes ideas para os seus carteis pero deberedes esperar para ver os resultados, que vos presentarei no blog.

Podedes pulsar sobre o título para obter máis información acerca de cada concurso. 
¿Que vos parecen os concursos levados a cabo no noso centro? ¿Cal vos parece máis interesante? ¿Que opinión tedes sobre este tipo de concursos?

10 feb 2011

A biblioteca

Despois dos comentarios que xurdiron en relación ás actividades de lecer, crin convinte adicar unha entrada á biblioteca e polo tanto á lectura, que é un pilar básico dentro do proceso de aprendizaxe do alumnado. Antes de nada preséntovos, mediante un par de imaxes, a biblioteca do noso centro, pero tamén teño que mencionar que a nivel de aula os alumnos e alumnas tamén dispoñen dunha pequena biblioteca con libros de lectura, dicionarios, etc.


Paso a explicarvos os proxectos que se están a levar a cabo en relación á biblioteca. Por un lado existe un servizo de préstamo no que participa todo o alumnado, por iniciativa de Tere, a directora do centro e mestra de educación infantil. 
* Por un lado, os alumnos de primaria acoden todos os luns, acompañados polos titores en busca dun libro para ler no prazo dunha semana. Deste xeito o alumnado non só mellora a súa competencia lectora, senón que ademais familiarízase co uso da biblioteca, co coidado do material, etc.
* Por outro lado, os alumnos de infantil tamén realizan unha visita semanal á biblioteca, iniciando deste xeito o contacto cos libros de lectura e escollendo aqueles que máis lles chaman a atención para levar ás súas casas. Ademais nalgunha ocasión estes nenos, realizan actividades teatrais, representando ós personaxes daqueles contos que máis lles gustan. ¡Menudos actores!


Outro proxecto que se levou a cabo no curso anterior, e que está a punto de levarse, é o das "mochilas viaxeiras". Trátase de que cada alumno leve nunha mochila material da biblioteca como: libros, cómics, xogos de ordenador... para gozar deles en compañía familiar e ademais cubrir unha ficha acerca de dito material. Respecto a este proxecto só me queda dicir que, neste curso, ditas mochilas están a punto de saír rumbo ás casas dos nenos e nenas, esperando que estes gocen da lectura, dos xogos educativos, etc.

Quero mencionar tamén que, grazas á solicitude de mobiliario feita por Tere no curso pasado, dispoñemos dun novo recanto na biblioteca do centro. Trátase do recanto das novidades e propostas de lectura de libros que poden resultar máis interesantes para o alumnado.


En canto ós proxectos que se están a preparar dicir que, Márian, a encargada da biblioteca e mestra de inglés, está a facer un inventario e unha clasificación dos libros de lectura (por ciclos) e do resto de material (revistas, enciclopedias...). O obxectivo final deste proxecto é informatizar a biblioteca, é dicir, facer un manexo da mesma a través do ordenador: consulta de catálogos, incorporación de rexistros, préstamos, etc.
Nada máis, este é en xeral o funcionamento da nosa biblioteca. ¿Que vos parecen os nosos proxectos? ¿Considerades que é suficiente a importancia que se lle da á lectura dende o noso centro? En relación ás "mochilas viaxeiras", ¿que credes que deberiamos incorporar dentro das mesmas?  Grazas, por adiantado, polos vosos comentarios.

Facenco velas

Nesta ocasión escribo para ensinarvos que fixeron os nenos e nenas de 1º, 2º e 3º, na clase de plástica. Trátase dunhas velas de diferentes modelos de animais: peixes, paxaros, porquiños... Eu proporcioneilles a cera, que é semellante á plastilina, é dicir, moldease ca calor das mans; e tamén o resto de material preciso como o fío da vela, ferramentas de plástico para facer as pezas... De seguido fágovos mostra dos resultados a través dun par de fotografías:
¿Que vos parecen as obras destes pequenos artistas? ¿Que opinades sobre este tipo de manualidades? ¿Que outras me propoñedes? Non esquezades que xa falta pouco para o entroido e os nenos e nenas estanse preparando para traballar arreo, así que non vos perdades as novedades do blog.

9 feb 2011

Feliz cumpreanos María!

Como xa comentei nunha entrada anterior, María Cando Cruña foi unha alumna deste colexio que marchou ó finalizar o primeiro trimestre. Hoxe, o día do seu cumpreanos, mestres e alumnos queremos felicitala e desexarlle que todo lle vaia ben. Xa sabemos que lle está a costar un pouquiño integrarse no seu novo colexio, pero confiamos en que a súa bondade faga que todos rematen colléndolle tanto cariño como nós lle temos. E a continuación as súas compañeiras queren adicarlle unhas palabras:


"María non hai un só día en que non nos acordaramos de ti desde que te fuches. Hoxe, 9 de febreiro, é o teu cumpreanos, desexo que o pases moi ben neste día tan importante para ti" (Lidia 6º)
"Ola Mari. Como hoxe é o teu cumpreanos quero felicitarte polos 12 anos que cumpres, espero que o pases ben cos teus novos compañeiros e compañeiras. Aquí non nos esquecemos de ti, a ver se vés vernos pronto. Dunha amiga que non te esquece" (Lucía 6º)
"Ola María. Oxalá hoxe sexa un día especial para ti e o pases moi ben, porque o mereces. Quérote moito. Felicidades!" (Anabel 6º)
Moitos bicos do resto de compañeiros e mestres.

7 feb 2011

A que xogan os nenos e nenas no recreo?

O "CEIP de Muimenta" é un colexio con tan só 29 alumnos e alumnas: 12 de Infantil e 17 de Primaria. Como ben estaredes pensando é un colexio pequeno pero isto fai que todos os nenos e nenas se coñezan e compartan moitos xogos no tempo de lecer. En cada recanto do patio pódese encontrar a un grupo de nenos e nenas gozando de diferentes xogos, pero ditos grupos e xogos son do máis variado. Quero dicir con isto que non todos os días son os mesmos membros do grupo os que se xuntan, nin tampouco elixen os mesmos xogos.
A continuación podedes ver unha lista dos xogos (ou deportes) máis habituais e, tamén vos mostro algunhas imaxes dos mesmos:
- Fútbol
- Baloncesto
- Voleibol
- Saltar á comba
- Xogar na area
- Xogar no parque (tobogán, caseta...)
- Actividades dentro do colexio (lectura de libros, manualidades, ensaios para conmemoracións...)
- Outros actividades como xogos con aros, con pelota, malabares, bailes e cancións...





¿Credes que os nenos teñen un repertorio de xogos variado? ¿Que outros xogos lles propoñeriades? 

3 feb 2011

O Universo

Nesta ocasión escribo para presentarvos un mural feito polos alumnos de 1º, 2º e 3º. Trátase dun mural do Universo, onde figuran o Sol e os oito planetas na orde na que se atopan. Os nenos e nenas colorearon ditos planetas, así como o Sol, e logo colocaron os seus nomes e algunhas estrelas. Para rematar pegaron un cohete onde figuraban os seus nomes. ¡Menudos astronautas!













1 feb 2011

Excursión (31-01-11)

O pasado luns, 31 de xaneiro, ós nenos e nenas do noso colexio tocoulles madrugar para facer unha excursión á Coruña. A primeira visita foi ó Aquarium Finisterrae (dende onde podiamos ver a Torre de Hércules) e a segunda á Casa das Ciencias, situada no parque de Santa Margarita (onde comemos o xantar).
> Na primeira visita, no Aquarium, os alumnos e alumnas participaron en dúas actividades. Na primeira delas encontráronse cunha gran pantalla esférica, que facía posible observar a Terra desde fóra, como os astronautas. Recibiron unha explicación, responderon a unhas preguntas sobre o noso planeta e para rematar sinalaron onde vivimos. A segunda actividade xirou en torno aos tiburóns. Primeiro recibiron unha explicación sobre os mesmos e viron un vídeo, e logo puideron ver e tocar ovos, anacos de pel e dentes de tiburón. Para rematar esta actividade os nenos e nenas tocaron os tiburóns gato, algúns moi atrevidos fixérono sen pensalo pero outros deron o paso con certo medo.
Despois deste par de actividades mestres e alumnos fixemos unha visita libre ó Aquarium. Puidemos observar diferentes especies mariñas (en xeral as que máis chamaban á atención eran a raia, o polbo e a estrela de mar), coñecemos o tiburón macho (chamado Gastón) e o tiburón femia (chamada Hermosa) e, para rematar, saímos ó exterior para ver as focas, que estaban comendo.
> A segunda visita, á Casa das ciencias, comezou no Planetario dixital. Alí gozamos dun conto titulado "A noite do vampiro" (podedes atopar máis información no seguinte enlace: http://mc2prensa.blogspot.com/2009/07/o-planetario-da-casa-das-ciencias.html). En dito conto o vampiro contrata a un científico para que constrúa un simulador de ceo. Dito artefacto permitiunos ver o ceo estrelado e viaxar a outros planetas como Marte ou Saturno (vendo deste xeito como son os seus aneis).
A continuación, dirixímonos cara as demais plantas de exposicións, para gozar de diferentes módulos interactivos e experimentos físicos. En xeral, o eu máis chamou á atención foi un aparello de facer pompas xigantes, os pitiños acabados de nacer do ovo ou o péndulo de Foucault (situado no cano da escaleira central). 
Sen máis dou paso a un vídeo con fotografías da xornada: