28 jun 2011

Despedida dunha bloguera

Chegou o fin de curso e polo tanto chega tamén o momento de que esta bloguera se despida. Fai xa case un ano que abrín este blog ca ilusión, sinto repetirme pero é así, de que mestres, compañeiros, alumnos, familiares e amigos puiderades ver como é o día a día do CEIP de Muimenta. Da mellor forma que sei, fun mostrándovos actividades, festas, conmemoracións, viaxes...que se levaron a cabo no centro ó longo do curso e fun recibindo unha resposta positiva pola vosa parte chegando, hoxe mesmo, ás 8.092 visitas, 15 seguidores e moitos comentarios. Polo tanto estou moi satisfeita co traballo feito, aínda que sei que é mellorable pero o importante é querer mellorar e ter á man xente sempre disposta a axudarche a facelo.
Estes días cérranse para min as portas dunha moi boa etapa no CEIP de Muimenta pero todo o que vivín estou segura de que me axudará a abrir outras cheas de ilusión e bo facer. Deste colexio lévome moi bos recordos dos nenos e nenas, dos compañeiros e compañeiras, das experiencias vividas, dos viaxes, das festas...e espero deixar tamén algunha pegada do meu paso por el. 
En fin, seguro que me queda moito por mencionar pero tampouco se trata de estenderme máis. Así que grazas a todos e cada un de vós, ós que visitastes, ós que comentastes, ós que me axudastes...a todos! Sen dúbida, entres todos fixemos este blog!
E como agasallo de despedida déixovos un tren de pasaxeiros e pasaxeiras que chegaron a este colexio, foron pasando de vagón en vagón, aprendendo e desfrutando en cada parada, facendo que os condutores das locomotoras tamén o fixeramos e, polo tanto, desexo para este tren o mellor dos destinos ;)

              
Irene Piñeiro

Festival Fin de Curso (21-06-11)

O pasado martes, 21 de xuño, o CEIP de Muimenta celebrou na Casa da Cultura de Muimenta o Festival de Fin de Curso. O espectáculo comezou ás 11 da mañá e durante dúas horas, aproximadamente, os alumnos e alumnas deleitáronnos con actuacións de diversa índole: cancións, bailes, obras teatrais e mesmo chistes. Non faltamos a esta cita mestres, familiares e amigos que desfrutamos e mesmo nos emocionamos con dito festival presentado polas alumnas de 6º de primaria.
Sen máis, déixolles cuns vídeos do festival que resumen as actuacións dos nenos e nenas do cole:

Educación Infantil

Obras teatrais

Cancións Educación Primaria

Bailes e popurrí

27 jun 2011

Concurso Letras Galegas 2011

Como todos os anos, o concello de Cospeito convocou o concurso das letras galegas. O tema deste ano era "A LOIA", en homenaxe ao libro de Lois Pereiro "Poemas para unha loia" e tamén á revista "Loia" publiada nos seus tempos de estudante en Madrid.
Explicamos aos alumnos e alumnas que a loia é un paxaro e tamén as características máis comúns desta especie. Por outra banda, xogouse un pouco coa imaxinación dos rapaces para que fixeran un relato cuxo fío condutor era unha loia que visitaba Cospeito e que se quedaba abraiada coa nosa lagoa onde atopou novos amigos. Os máis pequenos (alumnos e alumnas de educación infantil) participaron con debuxos alusivos ao mesmo tema. 
Os premiados do CEIP de Muimenta foron os seguintes:
3º PREMIADO DE EDUCACIÓN INFANTIL: Óscar Lozano Granda (5 anos)

2ª PREMIADA DE EDUCACIÓN PRIMARIA: Zaira Vázquez Crecente (3º)

3º PREMIADO DE EDUCACIÓN PRIMARIA: Paulo Montero Núñez (4º)


PARABÉNS PARA OS 3 E TAMÉN PARA TÓDOL@S PARTICIPANTES!

1 jun 2011

Excursión a Marcelle Natureza (24/05/11)

O pasado martes, 24 de maio, alumnos e mestres realizamos unha excursión ó Parque Natural de Marcelle.

Nenos e nenas, divididos en dous grupos e acompañados de monitores, visitaron o parque para coñecer as diferentes especies de animais que alí se atopaban: cebras, avestruces, osos, lobos, renos... Os monitores explicábanlles ós alumnos e alumnas as características e curiosidades de cada animal. Ademais visitaron a zona de reserva onde entraron en contacto directo con algúns animais, coñeceron a "Rasca e Pica" (unha parella de lobos), participaron en talleres de marionetas, fixeron unha ruta de senderismo á beira do río Miño, aprenderon cancións, etc. O obxectivo principal destas actividades era transmitir ó alumnado a importancia de coidar o medio ambiente e os animais. Esperamos que os nenos e nenas o pasaran ben e repitan a experiencia!