28 jun 2013

Boas vacacións!

Un ano máis este blog pecha a súa ventá despois de mostrarvos ó longo do curso: festas, conmemoracións, visitas, excursións...que espero que fosen do voso agrado. Antes, esta bloguera quere darvos as grazas ós que pasastes por aquí, ós que comentastes, ós que vos fixestes seguidores...en definitiva, a todos os que facedes posible que esta ventá se manteña aberta.

De novo, o tren do CEIP de Muimenta detense para facer unha parada que teñen moi merecida os seus pasaxeiros e pasaxeiras. Esta maquinista espera recollervos de novo en setembro para comezar unha nova viaxe. De non ser así, moita sorte a todos e a todas, principalmente ós que cambiades de tren e ós que vos montades nel por primeira vez.

Este ano, como agasallo, déixovos unhas fotos que atopei no baúl dos recordos ;)






 




IRENE PIÑEIRO

Festa de xogos tradicionais

O pasado xoves, 20 de xuño, os nenos e nenas do CEIP de Muimenta despediron o curso 2012/2013 cunha festa de xogos tradicionais organizada e dirixida por membros de Xotramu (Xogos Tradicionais de Muimenta). Aquí vos deixo unha fotos que demostran o ben que o pasaron:


 


28 may 2013

Grazas Laura!

Hoxe tocou despedirnos dunha mestra de Infantil, Laura, que estivo tres meses neste centro, á que queremos desexar moita sorte no seu camiño ;)

Aproveito para mostrarvos un cadro pintado polos nenos e nenas de Infantil ca axuda da profe Laura. Trátase do cadro "El árbol de la vida" de Gustav Klimt. Quedoulles moi ben, verdade?

Cadro pintado polos nenos e nenas de E.I
Cadro orixinal


Libros favoritos do alumnado

Esta vez o recanto de Tina, a mascota da bilioteca, encheuse cos libros favoritos dos nenos e nenas do colexio. Ditos libros pertencen á biblioteca do centro e poden ser levados, cada semana, ata as súas casas.
Deste xeito, pretendemos que os compañeiros e compañeiras se animen a ler estos libros. Boa viaxe lectores e lectoras!!

Visita CPI de Cervantes

O pasado 22 de maio, como estaba previsto, recibimos a visita dos nenos e nenas de infantil e primaria do CPI de Cervantes (acompañados dos seus mestres).











Unha vez recibidos na entrada do colexio, entramos ó ximnasio onde tiñamos preparada unha pequena benvida. Primeiro, Paulo (alumno de 6º de primaria) tocou para eles unha peza co violín e logo, cada neno e nena de 6º foi dando unha pequena explicación sobre: onde está situada Muimenta, como é o colexio, as visitas que íamos facer esa mañá, flora e fauna da Lagoa de Cospeito, lenda da mesma, restauración e inauguración do Museo da Escola Vella de Muimenta, o campo onde está situado, o poema adicado a un freixo e escrito por Xosé Crecente Vega, a igrexa vella de Muimenta e, por último, sobre Xotramu.














Logo collemos os autobuses para dirixirnos todos xuntos á Lagoa de Cospeito. Alí merendamos unha froita e subimos ata o mirador principal para observar a lagoa, así como tamén a flora e fauna que se deixaba ver. Mentres o alumnado e profesorado de ambos colexios, así como membros da ANPA de Muimenta, facía boas migas, camiñamos ata un dos miradores de madeira seguindo a ruta que rodea a Lagoa. 















A continuación, voltamos a Muimenta para visitar o Museo Pedagóxico da Escola Vella de Muimenta, situado no campo da Igrexa Vella, onde tamén aproveitaron para disfrutar dun bo rato de convivencia. Os nenos e nenas do CPI de Cervantes, acompañados dos seus mestres, realizaron a visita ó interior do museo guiados por Manuel Vila, quen lles aportou información sobre o mesmo, resolveu dúbidas e mesmo deixou que escribisen nas pizarras pequenas co pizarillo.













Chegadas case as dúas da tarde, camiñamos xuntos ata o colexio onde xogaron xuntos un anaco para logo seguir camiñando ata o Recinto Feiral onde comemos un rico xantar que rematou con agasallos: unha chapa cun debuxo que representaba este intercambio entre os dous colexios e un cadro cunha foto, pintado por Anxo Lamas, para que o CPI de Cervantes teña un recordo noso. 



Unha vez recibidos os agasallos, membros de XOTRAMU fixeron que os nenos e nenas, e mesmo os mestres, disfrutáramos de moitos xogos antigos: zancos, nabo ó caldeiro, construcións, carreira de sacos...en definitva, fixéronos pasar un anaco divertido. 



E para rematar esta boa xornada de convivencia, varios nenos e nenas do colexio, acompañados da súa mestra de pandeireta, ofrecéronnos un pequeno concerto cantando, tocando a pandeireta, as cunchas e mesmo convidándonos a todos a bailar. Tamén quedou tempo para que un mestre de Cervantes se reencontrase cunha alumna á que lle deu clase aquí en Muimenta fai xa uns cantos anos. 















Dende o centro queremos dar as grazas a todos os que fixeron posible este intercambio, ó alumnado e profesorado do CPI de Cervantes, á ANPA de Muimenta, a Xotramu, á mestra de pandeireta....e tamén ó alumnado de Muimenta. PARABÉNS A TOD@S, e ata a próxima ;)